Thursday 02 de May de 2024

A Xunta executará o proxecto de restauración da explotación mineira de Monte Neme cun investimento dun millón de euros


― Trenor informou de que este proxecto se inclúe dentro da proposta presentada polo Goberno galego como actuación para a recuperación ambiental de explotacións mineiras dentro dos fondos europeos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández, anunciaron, esta mañá, que a Xunta levará a cabo o proxecto de restauración da explotación mineira de Monte Neme para a súa recuperación. Esta actuación conta cun orzamento de máis dun millón de euros.

O delegado da Xunta informou de que este proxecto se inclúe dentro da proposta presentada polo Goberno galego como actuación para a recuperación ambiental de explotacións mineiras dentro dos fondos europeos.

O representante do Goberno autonómico destacou que a Xunta está en proceso de aprobar a Axenda Galega de Minería Sostible 2030 que contempla, entre outras medidas, actuacións para a recuperación ambiental de explotacións mineiras, labores de restauración e recuperación de antigos emplazamentos mineiros.

Trenor destacou que a actuación, que xa está aprobada para Monte Neme, contempla a restauración para favorecer o coidado do chan e das augas que rodean esta zona e a restauración ambiental da mesma recuperando a súa biodiversidade natural e propiciando a súa transformación a sumideiros naturais de carbono.

O representante do Goberno galego lembrou que desde o ano 2014 a Xunta, ante a ausencia da empresa, asumiu a responsabilidade de manter a zona afectada polos labores mineiros que se deixou de traballar para garantir a seguridade na zona, impedindo o acceso. Por iso en distintas ocasións se levaron a cabo investimentos que sumaron máis de 200.000 euros.